Monday 29 de April de 2024

A arte e a literatura dialogan na exposición ‘A cara oculta dos versos’, que chega ás bibliotecas públicas no Día da Poesía


Isabel Pintado amosa a súa creatividade sobre 21 libros de autoras e de autores galegos como Manuel María, Chus Pato, Yolanda Castaño, Manuel Rivas, Miguel Anxo Fernán Vello, Lois Pereiro, Lupe Gómez e Álvaro Cunqueiro

A arte e a literatura dialogan na nova exposición de Isabel Pintado, ‘A cara oculta dos versos’, que chega á Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia coincidindo co Día da Poesía. A artista madrileña radicada en Galicia amosa a súa creatividade sobre 21 libros de poesía, intervidos como unha homenaxe aos escritores que foron protagonistas das súas lecturas.

Promovida pola Secretaría Xeral de Cultura, a exposición configúrase a partir das intervencións artísticas que realiza Isabel Pintado sobre as capas e as páxinas de cada un dos libros que conforman a mostra, entre os que se inclúen as obras ‘A esencia máis nosa’, de Manuel María; ‘A boca da terra’, de Manuel Rivas; ‘A distancia do tambor’, de Eva Veiga; ‘Longa noite de pedra’, de Celso Emilio Ferreiro; ‘Os eidos’, de Uxío Novoneyra; ‘A ponte das poldras’, de Chus Pato; ‘Edénica’, de Yolanda Castaño; e ‘Territorio da desaparición’, de Miguel Anxo Fernán Vello, entre outros.

Percorrido polas bibliotecas
A Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal acolle mañá luns, 21 de marzo, a inauguración da mostra, nun acto que terá lugar ás 19:00 horas e que contará coa participación da propia autora e do secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo. Alí poderá verse ata o 6 de abril e, a continuación, a exposición iniciará un percorrido que a levará pola Bibioteca Pública de Lugo, do 12 ao 27 de abril; pola Biblioteca Pública Central de Ferrol, do 3 ao 18 de maio; pola Biblioteca Pública de Pontevedra Antonio Odriozola, do 24 de maio ao 7 de xuño; e pola Biblioteca Pública da Coruña Miguel

Autora de máis de trinta exposicións individuais dentro e fóra de Galicia, Isabel Pintado (Madrid, 1964) é licenciada en belas artes e reside en Galicia desde o ano 1991. Ten participado coas súas obras en campos como a escenografía, o vídeo, a música e danza e tamén e imparte obradoiros de pintura en seda, gravado calcográfico, técnicas aditivas e libros de artista.

Programación especial nas bibliotecas
‘A cara oculta dos versos’ enmárcase nas actividades que as bibliotecas públicas de xestión autonómica programan estes días para celebrar o Día da Poesía, entre as que destacan diversos obradoiros poéticos. As propostas que organizan as bibliotecas da Coruña Miguel González Garcés, de Pontevedra Antonio Odriozola, de Vigo Juan Compañel, de Lugo e mais de Ourense poden consultarse na Axenda de Cultura de Galicia, a través de www.cultura.gal/axenda